18/11/07

Matilda

Autor: Roald Dahl
Ilustrador: Quentin Blake

Matilda é xenial. Sen cumprir os 5 anos xa leu moito e ten asombrosos coñecementos. Os seus mediocres pais, sen embargo, considérana unha inútil. Por iso decide desquitarse. E cando comeza a ir á escola, enfróntase á terrible señora Trunchbull. Daquela, fai algo marabilloso. ¿Vaste perder isto?

Goza desta estupenda obra do extraordinario Roald Dahl e descubre o resto de títulos deste autor que podes atopar na nosa biblio.

Manolito Catrollos

Autora: Elvira Lindo
Ilustrador: Emilio Urberuaga

Os maiores líanse coas cousas e ¡lían aos pequenos! Menos mal que está Manolito. Con el, todo queda perfectamente claro. E, ademais, cóntanos as cousas de cada día como se fosen aventuras estupendas. Segue as súas historias e as dos seus amigos (Orellóns, López, Susana, o Imbécil...) e pásao bomba.


Manolito ten moitas aventuras que contarte e nós podemos ofrecerchas tanto en galego como en castelán.

17/11/07

¿Que é o escaparate?

Este blogue pretende servir aos/ás seus/súas visitantes como guía de lectura, non só de obras de ficción, senón de todo tipo de títulos, en xeral. Atoparedes reseñas sobre cada un deles e ligazóns que vos falen dos libros e dos seus autores. Podedes expresar as vosas opinións, tanto se xa os tedes lido coma se non é así.
Neste caso, as etiquetas que acompañen a cada entrada farán referencia ás materias, temas ou personaxes relacionados con cada obra, o que permitirá a súa clasificación.
No caso de que algún libro che pareza realmente interesante e aínda non o teñamos no noso catálogo, podes suxerir a súa compra a través deste blogue ou cubrindo unha desiderata, que deberás entregar a algún/algunha dos/as profesores/as do Equipo da Biblioteca. Se o prefires, podes comunicarte connosco tamén mediante un e-mail, premendo o enlace de contacto que figura na columna lateral da dereita.