30/6/08

Ochir

Autora: Milagros Oya
Ilustrador: Suso Cubeiro

Ochir vive na estepa de Mongolia. Soña con gañar a gran carreira que se organiza todos os anos con motivo do "Festival dos tres Xogos" na capital do seu país. Para participar na carreira vai co seu cabalo Gengis. Ao longo do camiño, Ochir atópase con diferentes persoas que cambiarán a súa vida para sempre. Esta viaxe axúdalle a descubrir o auténtico valor da amizade, da verdade e da mentira.

Poetízate: Antoloxía da poesía galega

Autor: Fran Alonso

A POESÍA non morde. E, aínda que haxa quen pense o contrario, non é aburrida, romanticona nin difícil. Esta divertida antoloxía poética demostra o contrario. De Rosalía de Castro á actualidade, propoñémosche unha viaxe polos poemas máis próximos, divertidos e desenfadados da poesía galega.
Con esta obra, Fran Alonso pretende levar a poesía ás aulas, buscando sempre a complicidade e a proximidade co lector adolescente. O libro consta de arredor de 200 poemas escritos por case 80 autores e autoras galegos, ademais dun limiar e dunha "visita guiada" a modo de epílogo.

Poetízate é un libro pensado para as persoas que non están afeitas a ler poesía. Para que? Para cantar, berrar, recitar, rapear, musicar, rebelarse contra o mundo ou só para falar suave na orella. Este é un libro para sentir, gozar e intuír a poesía. Así que, xa o sabes: poetízate.

11/2/08

Las sillas

Autor: Eugène Ionesco

Unha parella de anciáns rodéase de cadeiras esperarando a un gran número de invitados imaxinarios que, á súa vez, agardan a chegada dun orador xordomudo e clarividente que lles dará a ansiada resposta, a milagrosa fórmula: o sentido mesmo da vida.

"Nadie piensa sin embargo en las sillas. Es curioso, nadie piensa que un día (un maldito día) se le pueda romper una pata a una silla o sea pasto de la carcoma (...). Nadie piensa en las sillas, o quizás lo que pasa es que pensamos que las sillas aguantan todo lo que les echen".

El misterio de la cripta embrujada

Autor: Eduardo Mendoza

Esta novela do divertidísimo escritor catalán está ambientada na Barcelona dos anos 70 e trata sobre a investigación da desaparición dunha alumna do colexio das Madres Lazaristas de San Gervasio. A investigación é levada a cabo por parte dun tolo, que deixa o manicomio a cambio de realizala, vivindo unha infinidade de aventuras e desventuras.

É unha novela de suspense, de detectives, na que o autor mantén o misterio ao longo de todo o relato, sen deixar ao carón o humor, parodiando a sociedade actual (neste caso a Barcelona de hai 30 ou 40 anos), tal e como é propio del. Ademais, o seu desenlace é totalmente inesperado, polo que seguro que vos enganchará.

Nada

Autora: Carmen Laforet

A protagonista é unha moza orfa chamada Andrea, que vai a Barcelona na posguerra para vivir cos seus tíos e avoa, mentres cursa os seus estudos universitarios. Chega con moitas ilusións, pero logo comprende que as cousas non son como ela pensaba. Na casa familiar atópase con que hai bastantes tensións entre os seus tíos . Por outra banda, na Universidade coñece a Ena, unha rapaza rica e liberal da que se fará íntima amiga e que desempeñará un papel importante na súa existencia, xa que con ela aprenderá o que a vida e o mundo exterior ofrecen.

Nada gustarache porque a protagonista é unha rapaza nova coma ti, con moito futuro e pouco pasado coma ti, con aspiracións a ter unha carreira universitaria (¿coma ti?).

5/2/08

El perfume: Historia de un asesino

Autor: Patrick Süskind

Jean Baptiste Grenouille, nacido en París no século XVIII, é un individuo maldito, un monstro, quinto fillo dunha muller á que decapitaron, acusada do asasinato dos seus catro fillos maiores. Grenouille sálvase de puro milagre, pero o destino que lle agarda estará marcado polo crime, xa que o homicidio vai ser a súa vocación.
Tras pasar a súa infancia por diferentes orfanatos, desenvolve un extraordinario sentido do olfacto, sendo capaz de distinguir calquera efluvio, mesmo a través das paredes. Isto faille conseguir un traballo de axudante de perfumista, onde pode dar renda ao seu máximo soño: mesturar olores.
Tras varios anos recluído en soidade, descobre que carece de recendo persoal e a súa viaxe na procura da fragrancia perfecta faralle obsesionarse por conseguir materialmente a esencia dunha fermosa dama.

Quizais xa víchedes a película do mesmo título, baseada nesta novela. Se vos gustou, asegurámosvos que o libro vos encantará. Vide á biblioteca e levádeo en préstamo.

El bosque animado

Autor: Wenceslao Fernández Flórez

Polos carreiros do bosque da Fraga de Cecebre camiñan os habitantes da aldea, algunha que outra pantasma, a Santa Compaña, sátiros e ata o ladrón Fendetestas. Das súas coitas fálasenos neste libro. Coñeceremos a triste sorte dun poste de teléfono ou os amores, só tras a morte consumados, de Geraldo e Hermelinda. Compartiremos a humilde existencia de Marica, aspirante a meiga, e a de Muocha, meiga en exercicio. Sufriremos por Pilara, que se deixa a vida nunha plataforma de tren intentando cumprir as duras tarefas que a súa ama, Juanita Arruallo, lle impón e choraremos co topo que perde á súa muller por mor do cruel gusto das damas que visten peles. Descubriremos por que o vagalume escintila na noite ou por que as troitas non pican con cebos metálicos. Todos estes personaxes, e moitos máis, constitúen o diverso panorama que imos atopando entre as árbores do bosque. As súas historias entrecrúzanse unhas con outras, resultando difícil saber cando empezan e onde terminarán.

La llamada de lo salvaje

Autor: Jack London

O can Buck, que naceu e viviu nunha casa respectable, é raptado e levado cara ao Gran Norte. Progresivamente, Buck sentirá nacer nel un instinto que lle chama cara ao bosque, cara aos lobos, cara aos seus irmáns salvaxes.

Unha vez máis, London retrata nesta novela a dura vida dos habitantes de Alaska a principios do século XX, elixindo novamente como protagonista a un deses cans de fortes músculos e espesa pelame que os buscadores de ouro necesitaban para poder realizar o seu traballo.
Ti tes a oportunidade de ler esta obra en castelán e, tamén, nunha versión orixinal en inglés, adaptada a túa idade. E, por suposto, aconsellámosche que non deixes de ler Colmillo Blanco (ver entrada anterior).

Colmillo Blanco

Autor: Jack London

Un can domesticado, Buck, cae nas mans dos buscadores de ouro e vese obrigado a se adaptar a unha natureza agresiva e hostil que fai aflorar os instintos máis salvaxes e primitivos do lobo adormentado que había nel. Pero no proceso de adaptación, a crueldade e a falta de sentimentos do home van cambiando ao cachorro, que agudiza a súa violencia e ferocidade para poder sobrevivir nun mundo que se rexe por leis distintas ás do mundo natural do que procede. Con todo, cando semella atoparse ao bordo da morte, o encontro cun ser humano que lle ofrece protección e agarimo lle devolve o equilibrio que perdera.

Este clásico da literatura xuvenil de aventuras é unha desas obras que poden ser lidas a calquera idade, pois a pesar de estar escrita hai máis de un século nunca deixará de emocionarnos. Na biblioteca contas con tres adaptacións distintas deste título, así que podes elixir aquela que máis te agrade.

El devorador de hombres

Autor: Horacio Quiroga
Ilustrador: François Roca

Ambientado nas profundidades da xungla india, este emocionante relato de Horacio Quiroga conta a historia de Rajá, un tigre de Bengala moi orgulloso da súa estirpe que, tras contemplar como o seu pai e a súa nai son abatidos por un grupo de cazadores, é capturado e vendido a un circo de Calculta. Co obxecto de domar a Rajá, o capitán Kimberly sométeo a un trato cruel que espertará a rabia e o rancor da cativa fera. Tan só a nobreza e a bondade dun mozo admirable, lord Aberdale, poden conter as ansias de vinganza do torturado tigre de Bengala. Pero... conseguirá o valeroso aristócrata o seu propósito?

Ponte na pel deste extraordinario animal e sofre xunto a el o cativerio e as vexacións ás que o someten algúns humanos. Asegurámosche que este conmovedor relato e as súas marabillosas ilustracións non te deixarán indiferente.

13/1/08

Barrotes de bambú: la cárcel de las sectas

Autor: Jan Terlouw

Keizer é un comisario xubilado que quere acabar coa seita Almas Vivas. Para iso convence a tres mozos para que ingresen na seita co fin de atopar actos delituosos polos que incriminar ao responsable e metelo no cárcere dunha vez por todas. Un dos infiltrados é expulsado. A outro lávanlle o cerebro e cae nas garras de Almas Vivas, e Josie está en perigo porque o Profeta da seita descobre que é a neta do comisario, con quen ten asuntos pendentes dado que tempo atrás xa lle trouxo problemas.

Como sabes, pululan hoxe no mundo enteiro as seitas esotéricas, estrañas e irracionais nas que un líder "iluminado" priva da luz da liberdade a todos os seus condiscípulos. Estes, moitos deles novos, acaban presos en cárceres terribles das que non adiviñan os seus barrotes, xa que a súa personalidade e vontade son anuladas. Deixan de pensar como homes libres, son afastados gradualmente das súas familias tras conseguir cartos delas, abandonan os estudos, ...
Esta novela policial, cuxa trama transcorre en Amsterdam e que recrea o caso dunha seita ficticia, achegarate un pouco máis ao inferno vivido por todas esas persoas.

El poder de una decisión

Autor: Arturo Padilla de Juan

Para os seus antigos amigos, Sebastián é agora un ser despreciable, un traidor, e O Gato e os seus fanlle a vida imposible. Antes, Sebastián era un deles, pero iso foi ata unha noite na que ocorreu algo que todos queren ocultar. Dende entón os seus outrora compañeiros, que son cabezas rapadas, acósano para recuperar unha cousa que os incrimina.

Este libro, cunha temática de rabiosa actualidade, é a primeira novela escrita por este autor cando só contaba 18 anos e foi a gañadora do Premio Jordi Sierra i Fabra para Jóvenes Escritores 2006.

La catedral

Autor: César Mallorquí

Telmo Yánez, fillo dun mestre construtor de catedrais, parte sendo aínda un rapaz dende Navarra cara a Bretaña para participar na edificación da catedral de Kerloc'h, que é financiada pola Orden del Águila de San Juan de los Siete Sellos (aquilanos). Na súa viaxe é escoltado por tres templarios (Eric, Gunnar e Loki) que queren descubrir aos autores dos roubos realizados aos cruzados en Acre. A sospeita confírmase: o malvado Simón de Valaquia está á fronte dos aquilanos.
Telmo asiste á conclusión das obras, elíxeno escultor da talla principal do altar e convértese nun home de acción para destruír, xunto con Oric, a catedral de Kerloc'h, un lugar dedicado a Lucifer. Alí quérese convocar á Besta, ao Diaño, mediante o eco dunha inmensa campá e o sacrificio dunha moza virxe, Valentina.

Esta obra está moi ben escrita, dosifica perfectamente a intriga e presenta unha narración e uns diálogos áxiles, polo que seguro que manterá vivo o teu interese do principio ao final.

El Príncipe de la Niebla

Autor: Carlos Ruiz Zafón

O novo fogar dos Carver está rodeado de misterio. Nel aínda se respira o espírito de Jacob, o fillo dos antigos propietarios, que morreu afogado. As estrañas circunstancias desa morte soamente se empezan a aclarar coa aparción do Prícipe de la Niebla, un diabólico personaxe capaz de conceder calquera desexo a unha persoa a un alto prezo.

Déixate levar polo clima inquietante e ameazante que preside este relato, primeira novela xuvenil deste aclamado escritor catalán, galardoada co Premio Edebé de Literatura Xuvenil 1992.
Se decides lela e che gusta, recomendámosche tamén as outras dúas obras que integran a denominada "Trilogía de la Niebla", tituladas "El palacio de la medianoche" e "Las luces de septiembre".

Rapazas

Autor: Agustín Fernández Paz

Trátase dun libro formado por seis relatos de diferente temática e extensión, pero cun fío común que lles dá unidade: todos teñen a unha rapaza como protagonista. Nun deles, "Visitante das estrelas", unha extraterrestre chega á Terra e vese mergullada en diversos conflictos. Noutro, "Dúas rosas murchas", unha rapaza mantén unha estremecedora relación cunha pantasma. A protagonista de "Unha pedra na area" vive o seu primeiro amor ifluída pola presencia dunha estraña pedra ...

Unha vez máis, Agustín Fernández Paz trata de achegar ao lector aos problemas e vivencias desa idade fronteiriza na que comeza a adolescencia. Seguro que estes relatos te cautivarán, así que vén á Biblioteca e leva en préstamo o exemplar do que dispoñemos.

Libro de las preguntas

Autor: Pablo Neruda
Ilustrador: Isidro Ferrer

Pablo Neruda escribiu ao longo da súa vida un número case infinito de poemas, a modo de haiku, dedicados a cada persoa, animal, mineral e cousa que reside no universo.
As fermosas ilustracións en forma de collages creadas con diversos materiais como madeira, papel, arames, obxectos reciclados da vida cotiá e fotografías, en perfecta harmonía cos textos, deléitannos e invítannos a observar e reflexionar.

O diccionario de Carola

Autora: Carmen Gómez Ojea
Ilustradora: Mabel Piérola

Nila non é feliz; é unha moza de 16 anos en plena crise familiar e persoal que soña con ser escritora.
Un día merca un dicionario de latín de segunda man. Pertencera a unha tal Carola Biga, que dez anos antes de que Nila nacera escribira o seu nome e unha data. A partir deste intre, a protagonista obsesionarase por coñecer a antiga propietaria do libro, ateigado de anotacións.

Descobre as emocións descritas nesta novela, Premio Edebé de Literatura Xuvenil, traducida ao galego por Xosé Antonio Neira Cruz , e dispoñible nesta biblioteca.

O Principiño

Autor e ilustrador: Antoine Saint-Exupéry

O principiño vive nun pequeno asteroide acompañado de tres volcáns e dunha flor algo caprichosa. Esta comeza a darlle problemas que lle fan sentir unha gran soidade. Por iso decide emprender camiño na procura dun amigo. Percorre varios planetas e neles vai atopando un rei, un vaidoso, un borracho, un home de negocios, un faroleiro e un xeógrafo. A súa conclusión é sempre a mesma: que os adultos son moi estraños e que o que eles consideran cousas serias e importantes non coincide para nada co que pensa o principiño.
Proseguindo coa busca da amizade chega á Terra, pero ante a súa enorme extensión e baleiro (xa que cae no deserto) sente máis ca nunca a soidade. Atópase primeiro cunha serpe, quen lle explica o pouco que se pode agardar dos homes e lle ofrece a posibilidade de regresar á casa.
O principiño continúa o seu camiño e ten un importante encontro cun raposo, quen tampouco contribúe a mellorar a súa opinión sobre os homes, pero en cambio lle aprende o modo de facer amigos (cómpre crear vencellos e deixarse "domesticar") e, ao final do seu encontro, lle regala o seu segredo: "Soamente se ve ben co corazón. O esencial é invisible para os ollos".
Deste xeito, o principiño decátase de que a súa flor o "domesticou" e decide regresar á casa valéndose dos medios que lle ofrecera a serpe. É daquela cando coñece ao aviador que nos está a contar a historia e que descobre que atopou un grande amigo.

Este fermoso relato do autor francés é todo un clásico da literatura universal que ningunha persoa debería deixar de ler e reler. Ti tes agora a posibilidade de facelo en tres linguas diferentes: en castelán, en galego (traducida con grande acerto por Carlos Casares) e mesmo en francés. ¡Anímate, seguro que che gusta!

12/1/08

Anagnórise

Autora: Mª Victoria Moreno



Un rapaz problemático decide marchar a Madrid, onde o agardan uns amigos relacionados co tráfico de drogas. Dende as Rías Baixas viaxa cunha muller que non lle quere dar o seu nome.Xa en Madrid, ambos despídense. O rapaz trata de reencontrarse coa súa compañeira de viaxe e só entón coñecerá o seu nome e a razón que tiña para ocultalo.

Na Literatura, o termo anagnórise fai referencia ao momento no que ao protagonista se lle revela algunha verdade sobre si mesmo, o que provoca un cambio transcendental na dirección da trama.
Sube ao coche cos protagonistas desta novela e convéncente de que fuxir dos problemas non fai que estes desaparezan. Non tes escusa, xa que na Biblioteca contamos cun total de 45 exemplares en dúas edicións distintas.
Outras obras da autora que tamén están a túa disposición son "Guedellas de seda e liño" e "Leonardo e os fontaneiros".

El niño que vivía en las estrellas

Autor: Jordi Sierra i Fabra

Un estraño neno que di proceder do espazo chega á consulta psiquiátrica do doctor Rojas tras ser atopado vagando só polas rúas, desnutrido e asustado. O neno non pode resistir a luz, dispara imaxinariamente cando se sente ameazado e fala dunha remota galaxia.
O médico acabará descubrindo a verdade: o seu pai tíñao conectado a un casco de realidade virtual e pechado na súa habitación para que non estorbase. Ao morrer o pai e esgotarse as pilas, o neno sae da súa casa por primeira vez.

Este libro, incluído no noso catálogo, é un alegato en contra do uso abusivo e sen control das novas tecnoloxías, algo que, por desgraza, cada vez está máis de actualidade. Ademais do problema da ludopatía infantil, recolle situacións de pobreza mental, humana e intelectual, resultando idóneo para tratar os temas transversais de educación para a saúde e a solidariedade. Deberías lelo, pois seguro que non che deixará indiferente.

Cartas de inverno

Autor: Agustín Fernández Paz
Ilustrador: Rafael Chacón

Tareixa Louzao recibe un voluminoso sobre remitido polo seu irmán Xabier dende un lugar descoñecido para ela: Doroña (Vilamaior). No interior inclúense unha carta e outro sobre máis pequeno coa lapela de cerre reforzada por unha fita adhesiva. Na carta, Xabier indícalle á súa irmá que non abra o sobre fechado e que, se antes dunha semana non volve recibir outra misiva súa, llo entregue ao Inspector Soutullo da Comisaría de Vigo.
Pero Tareixa non pode resistir a tentación e abre o sobre. Dentro aparecen unhas cartas que lle foran remitidas a Xabier polo seu amigo, o famoso pintor Adrián Louzao, e que el tardara tempo en recibir por mor dunha longa estadía en Quebec.
Nelas, Adrián cóntalle a súa nova vida nunha vella casa que adquiriu nun pobo galego. Pero do entusiasmo inicial vai pasando á preocupación e ao medo, debido á sucesión de estraños sucesos, polo que pide axuda ao seu amigo.

Seguramente, xa teñas lido algún libro de Agustín Fernández Paz, un dos autores galegos actuais máis prolíficos no que á Literatura Infantil e Xuvenil respecta. Se non é así, invitámoste a que visites a nosa biblio, onde poderás escoller entre varias das súas obras. Se che gustan as novelas de medo e misterio esta sería unha boa opción.

Amar e outros verbos

Autor: Ana María Fernández
Ilustrador: Xosé Cobas

Este libro, recoñecido co Premio Lazarillo 2001, é un conxunto de vinte e cinco poemas en verso libre que teñen en común o uso dun verbo como elemento creador, o cal, ademais, serve de título aos mesmos.En clave coloquialmente metafórica, estes poemas fálannos de situacións cotiás tales como bailar, comer, enfadarse, envellecer, estrear, medrar, rir, chorar, ..., aínda que, en realidade, tratan os grandes temas da poesía (vivir, amar, morrer, ...). Son, pois, poemas con desgustos e alegrías como a propia vida que, acompañados por unha serie de fermosas e suxestivas acuarelas, nos invitan a Vivir e Soñar.

Se che apetece descubrir os sentimentos que se agachan tras de cada un deses 25 verbos, podes ler este libro na nosa Biblioteca.