2/5/09

Memorias dun neno labrego

Autor: Xosé Neira Vilas

"Eu son Balbino. Un rapaz de aldea. Coma quen di, un ninguén. E ademais, pobre". Así comezan os pensamentos do neno protagonista, no territorio limitado do mundo rural galego nos anos 40.
Conta neste o seu diario as súas experiencias, dende as festas tradicionais, como o Entroido ou as da parroquia, ata a vivencia dramática do loito familiar que lle impide disfrutalas. A morte tamén está presente na trampa para raposos na que cae o seu can Pachín; alí planta logo unha cerdeira. Únense deste xeito esperanza e loito, sempre á busca dun futuro non escrito.
Neste xogo de contradicións a emigración pode ser o mellor camiño, como asegura o seu pai cando marcha para América o irmán Miguel, ou unha falsa saída, como defende o padriño.
Ás veces, certamente, a única saída rebelde contra a inxustiza é a fuxida. É o que fai cando o seu pai lle pega por enfarruscar a cara ao ricachón e mimado Manolito. A malleira dóelle máis na alma que no corpo.
Un veciño xudeu faille reflexionar sobre a hipocrisía da xente, que non busca a verdade nin a xustiza, aprendendo deste home que o que realmente importa nesta vida é ser honesto e solidario.
A escola é frustrante e non abre moitos vieiros. Primeiro, o mestre andaluz non entende a terra na que está nin o entenden a el. Logo, namórase da mestra de Betanzos, converténdose nun dos mellores alumnos. Pero ela casa e cando marcha, Balbino négase a volver ao colexio. O seu pai castígao poñéndoo a servir. Parece o seu destino.

Este libro, publicado na Arxentina en 1961, é un texto clásico da literatura infantil-xuvenil galega, con traducións a todas as grandes linguas e centos de milleiros de exemplares vendidos, incuestionable testemuña literaria dunha Galicia realmente existente.

No hay comentarios: