Mostrando entradas con la etiqueta Galicia. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Galicia. Mostrar todas las entradas

2/5/09

Memorias dun neno labrego

Autor: Xosé Neira Vilas

"Eu son Balbino. Un rapaz de aldea. Coma quen di, un ninguén. E ademais, pobre". Así comezan os pensamentos do neno protagonista, no territorio limitado do mundo rural galego nos anos 40.
Conta neste o seu diario as súas experiencias, dende as festas tradicionais, como o Entroido ou as da parroquia, ata a vivencia dramática do loito familiar que lle impide disfrutalas. A morte tamén está presente na trampa para raposos na que cae o seu can Pachín; alí planta logo unha cerdeira. Únense deste xeito esperanza e loito, sempre á busca dun futuro non escrito.
Neste xogo de contradicións a emigración pode ser o mellor camiño, como asegura o seu pai cando marcha para América o irmán Miguel, ou unha falsa saída, como defende o padriño.
Ás veces, certamente, a única saída rebelde contra a inxustiza é a fuxida. É o que fai cando o seu pai lle pega por enfarruscar a cara ao ricachón e mimado Manolito. A malleira dóelle máis na alma que no corpo.
Un veciño xudeu faille reflexionar sobre a hipocrisía da xente, que non busca a verdade nin a xustiza, aprendendo deste home que o que realmente importa nesta vida é ser honesto e solidario.
A escola é frustrante e non abre moitos vieiros. Primeiro, o mestre andaluz non entende a terra na que está nin o entenden a el. Logo, namórase da mestra de Betanzos, converténdose nun dos mellores alumnos. Pero ela casa e cando marcha, Balbino négase a volver ao colexio. O seu pai castígao poñéndoo a servir. Parece o seu destino.

Este libro, publicado na Arxentina en 1961, é un texto clásico da literatura infantil-xuvenil galega, con traducións a todas as grandes linguas e centos de milleiros de exemplares vendidos, incuestionable testemuña literaria dunha Galicia realmente existente.

1/5/09

Os biosbardos

Autor: Eduardo Blanco Amor

Este libro é un conxunto de "contos para a xente", postos todos en boca de sete rapaces de diferentes idades que van contando experiencias persoais do intenso e, ás veces, dramático mundo infantil.
Estes relatos pertencen, sen dúbida, ao núcleo das mellores páxinas que nos deixou este mestre da moderna narrativa galega. Son, quizais, as máis sinceras e menos académicas de cantas escribiu. Nelas brillan con luz propia as mellores virtudes do seu autor, sen interferencias de ningún tipo.

5/2/08

El bosque animado

Autor: Wenceslao Fernández Flórez

Polos carreiros do bosque da Fraga de Cecebre camiñan os habitantes da aldea, algunha que outra pantasma, a Santa Compaña, sátiros e ata o ladrón Fendetestas. Das súas coitas fálasenos neste libro. Coñeceremos a triste sorte dun poste de teléfono ou os amores, só tras a morte consumados, de Geraldo e Hermelinda. Compartiremos a humilde existencia de Marica, aspirante a meiga, e a de Muocha, meiga en exercicio. Sufriremos por Pilara, que se deixa a vida nunha plataforma de tren intentando cumprir as duras tarefas que a súa ama, Juanita Arruallo, lle impón e choraremos co topo que perde á súa muller por mor do cruel gusto das damas que visten peles. Descubriremos por que o vagalume escintila na noite ou por que as troitas non pican con cebos metálicos. Todos estes personaxes, e moitos máis, constitúen o diverso panorama que imos atopando entre as árbores do bosque. As súas historias entrecrúzanse unhas con outras, resultando difícil saber cando empezan e onde terminarán.

12/1/08

Cartas de inverno

Autor: Agustín Fernández Paz
Ilustrador: Rafael Chacón

Tareixa Louzao recibe un voluminoso sobre remitido polo seu irmán Xabier dende un lugar descoñecido para ela: Doroña (Vilamaior). No interior inclúense unha carta e outro sobre máis pequeno coa lapela de cerre reforzada por unha fita adhesiva. Na carta, Xabier indícalle á súa irmá que non abra o sobre fechado e que, se antes dunha semana non volve recibir outra misiva súa, llo entregue ao Inspector Soutullo da Comisaría de Vigo.
Pero Tareixa non pode resistir a tentación e abre o sobre. Dentro aparecen unhas cartas que lle foran remitidas a Xabier polo seu amigo, o famoso pintor Adrián Louzao, e que el tardara tempo en recibir por mor dunha longa estadía en Quebec.
Nelas, Adrián cóntalle a súa nova vida nunha vella casa que adquiriu nun pobo galego. Pero do entusiasmo inicial vai pasando á preocupación e ao medo, debido á sucesión de estraños sucesos, polo que pide axuda ao seu amigo.

Seguramente, xa teñas lido algún libro de Agustín Fernández Paz, un dos autores galegos actuais máis prolíficos no que á Literatura Infantil e Xuvenil respecta. Se non é así, invitámoste a que visites a nosa biblio, onde poderás escoller entre varias das súas obras. Se che gustan as novelas de medo e misterio esta sería unha boa opción.

8/12/07

Cando petan na porta pola noite

Autor: Xabier P. Docampo
Ilustrador: Xosé Cobas Gómez

Este libro, Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil 1995, inclúe catro contos de maxia e fantasía titulados O espello do viaxeiro, O fornadas, A loba e O cumpremortes (ver aquí o argumento de cada unha destas historias). Nestes relatos de tema galego destacan a sorpresa, o misterio, o terror, aparecen meigas, trasnos e a vida dos protagonistas pode estar determinada pola fatalidade ou polo destino. Xabier P. Docampo actualiza as grandes correntes do relato fantástico: a tradición oral galega e a literatura de misterio e imaxinación do século XIX.