Mostrando entradas con la etiqueta fenómenos sobrenaturais. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta fenómenos sobrenaturais. Mostrar todas las entradas

28/4/09

Otra vuelta de tuerca

Autor: Henry James

Unha moza inglesa chega a unha vella mansión no campo para se encargar da educación dun neno e dunha nena que quedaron orfos. Pouco tempo logo da súa chegada, descobre que os nenos reciben periódicas "visitas" dos seus antigos preceptores, un home e unha muller que morreran había máis dun ano. A institutriz, arrepiada, decide facer o posible para defender aos nenos, cuxa custodia se lle encomendara, e trata de se interpor entre eles e as dúas pantasmas. Con esta historia tan sinxela, Henry James logrou realmente o máis difícil aínda: dar outra volta de porca a esa porca que hai escondida en todo relato de terror.

Con esta historia tan sixela, o autor logrou dar outra volta de porca ao relato de terror. Eres o suficientemente valente como para te atrever con este clásico?

5/2/08

El bosque animado

Autor: Wenceslao Fernández Flórez

Polos carreiros do bosque da Fraga de Cecebre camiñan os habitantes da aldea, algunha que outra pantasma, a Santa Compaña, sátiros e ata o ladrón Fendetestas. Das súas coitas fálasenos neste libro. Coñeceremos a triste sorte dun poste de teléfono ou os amores, só tras a morte consumados, de Geraldo e Hermelinda. Compartiremos a humilde existencia de Marica, aspirante a meiga, e a de Muocha, meiga en exercicio. Sufriremos por Pilara, que se deixa a vida nunha plataforma de tren intentando cumprir as duras tarefas que a súa ama, Juanita Arruallo, lle impón e choraremos co topo que perde á súa muller por mor do cruel gusto das damas que visten peles. Descubriremos por que o vagalume escintila na noite ou por que as troitas non pican con cebos metálicos. Todos estes personaxes, e moitos máis, constitúen o diverso panorama que imos atopando entre as árbores do bosque. As súas historias entrecrúzanse unhas con outras, resultando difícil saber cando empezan e onde terminarán.

13/1/08

Rapazas

Autor: Agustín Fernández Paz

Trátase dun libro formado por seis relatos de diferente temática e extensión, pero cun fío común que lles dá unidade: todos teñen a unha rapaza como protagonista. Nun deles, "Visitante das estrelas", unha extraterrestre chega á Terra e vese mergullada en diversos conflictos. Noutro, "Dúas rosas murchas", unha rapaza mantén unha estremecedora relación cunha pantasma. A protagonista de "Unha pedra na area" vive o seu primeiro amor ifluída pola presencia dunha estraña pedra ...

Unha vez máis, Agustín Fernández Paz trata de achegar ao lector aos problemas e vivencias desa idade fronteiriza na que comeza a adolescencia. Seguro que estes relatos te cautivarán, así que vén á Biblioteca e leva en préstamo o exemplar do que dispoñemos.

12/1/08

Cartas de inverno

Autor: Agustín Fernández Paz
Ilustrador: Rafael Chacón

Tareixa Louzao recibe un voluminoso sobre remitido polo seu irmán Xabier dende un lugar descoñecido para ela: Doroña (Vilamaior). No interior inclúense unha carta e outro sobre máis pequeno coa lapela de cerre reforzada por unha fita adhesiva. Na carta, Xabier indícalle á súa irmá que non abra o sobre fechado e que, se antes dunha semana non volve recibir outra misiva súa, llo entregue ao Inspector Soutullo da Comisaría de Vigo.
Pero Tareixa non pode resistir a tentación e abre o sobre. Dentro aparecen unhas cartas que lle foran remitidas a Xabier polo seu amigo, o famoso pintor Adrián Louzao, e que el tardara tempo en recibir por mor dunha longa estadía en Quebec.
Nelas, Adrián cóntalle a súa nova vida nunha vella casa que adquiriu nun pobo galego. Pero do entusiasmo inicial vai pasando á preocupación e ao medo, debido á sucesión de estraños sucesos, polo que pide axuda ao seu amigo.

Seguramente, xa teñas lido algún libro de Agustín Fernández Paz, un dos autores galegos actuais máis prolíficos no que á Literatura Infantil e Xuvenil respecta. Se non é así, invitámoste a que visites a nosa biblio, onde poderás escoller entre varias das súas obras. Se che gustan as novelas de medo e misterio esta sería unha boa opción.