Mostrando entradas con la etiqueta conto. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta conto. Mostrar todas las entradas

3/5/09

Cuentos completos

Autor: Oscar Wilde

Nesta obra preséntase toda a narrativa breve de Wilde, dende os seus primeiros contos como El Príncipe Feliz ou El ruiseñor y la rosa, que aparecen como lendas con sabor tradicional e nos que a estética xoga un papel social, ata o famoso El fantasma de Canterville, onde xorde a vea satírica e humorística do autor.

El llano en llamas

Autor: Juan Rulfo

El llano en llamas é un dos 17 contos incluídos neste libro, publicado por primeira vez en 1953, que dá nome ao mesmo. A temática dos contos vira ao redor da vida rural na época da Revolución Mexicana e da Guerra Cristera e os conceptos que van unidos a estas: a desigualdade social, a loita pola terra, a relixión e a política, entre outros. Outra das súas características importantes é o uso da linguaxe popular e a narración, na súa maior parte, na voz dos personaxes. Os contos incluídos na colección son:
  • Nos han dado la tierra
  • La cuesta de las comadres
  • Es que somos muy pobres
  • El hambre
  • En la madrugada
  • Talpa
  • Macario
  • El llano en llamas
  • Diles que no me maten
  • Luvina
  • La noche que lo dejaron solo
  • Paso del Norte
  • Acuérdate
  • No oyes ladrar los perros
  • El día del derrumbe
  • La herencia de Matilde Arcángel
  • Anacleto Morones

É un pracer ler e reler estes contos. Non hai un só relato que non garde dentro del esa prosa poética, tan cargada de dores, soidade e violencia, que conmove.

1/5/09

O único que queda é o amor

Autor: Agustín Fernández Paz
Ilustrador: Pablo Auladell

Son dez os relatos que compoñen este libro, galardoado, entre outros, co Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil 2008.
Os personaxes teñen como nexo común recordos de amores e desamores, sentimentos íntimos que sempre perduran, momentos máxicos e inesquecibles, pero tamén amargos; amores adolescentes, secretos, imaxinados e nunca coñecidos; ou outros que perviven, como pantasmas, máis aló das súas vidas.
Cada unha das historias incluídas vén acompañada dunha emotiva ilustración, en tons escuros, alusiva á mesma, sendo os títulos destes relatos:
  • Un radiante silencio
  • Amor de agosto
  • Esta estraña lucidez
  • Unha historia de fantasmas
  • Ríos da memoria
  • Loanza da filatelia
  • Unha foto na rúa
  • Meditación ante o álbum de fotos familiar
  • Despois de tantos anos
  • Un río de palabras
Ademais, o autor, no anexo De amores e de libros, especifica os títulos das referencias ás que fai alusión.

Lendo este libro descubrirás, xunto aos seus protagonistas, que o amor é un sentimento poderosísimo, capaz de transformarte por completo e facerche ver a vida doutro xeito.

Os biosbardos

Autor: Eduardo Blanco Amor

Este libro é un conxunto de "contos para a xente", postos todos en boca de sete rapaces de diferentes idades que van contando experiencias persoais do intenso e, ás veces, dramático mundo infantil.
Estes relatos pertencen, sen dúbida, ao núcleo das mellores páxinas que nos deixou este mestre da moderna narrativa galega. Son, quizais, as máis sinceras e menos académicas de cantas escribiu. Nelas brillan con luz propia as mellores virtudes do seu autor, sen interferencias de ningún tipo.

30/4/09

Cuentos y leyendas de la Europa medieval

Autor: Gilles Massardier
Ilustrador: Pablo Alonso

Contén once narracións, contos e lendas ambientadas na Europa medieval. Gilles Massardier rescata personaxes, situacións e mentalidades sepultadas no tempo. Así, aparece misteriosamente enlazado o real e o fantástico, o natural e o sobrenatural, trazos característicos do universo medieval. Cabaleiros e reis de lenda, dragóns e homes-lobo, fadas e demos, feitos marabillosos e fazañas portentosas, como expoñentes da riqueza cultural dun período da historia que alberga moitas das claves da nosa propia identidade.

¡Adiós, "Cordera"!, y lo demás son cuentos

Autor: Leopoldo Alas "Clarín"
Ilustrador: Francisco Conesa

Este libro está composto por trece contos escritos por un dos máis grandes literatos españois do século XIX: Clarín. Dende a denuncia contra a civilización destrutora, o capitalismo e a guerra, que aparece en ¡Adiós, "Cordera"! -ese fermosísimo conto cheo de lirismo e tenrura-, ata a caricatura grotesca de Avecilla, debuxado con piedade, emoción e crueldade ao mesmo tempo, unha riquísima galería de personaxes e situacións percorre estas páxinas, movéndose entre a humanidade e a intencionalidade crítica. Pola súa perfección literaria, a súa densidade humana e a súa inspiración, os contos deste libro poden figurar entre os máis notables da nosa literatura.

Anaconda y otros cuentos de la selva

Autor: Horacio Quiroga

Anaconda narra a historia dun grupo de serpes que queren loitar contra uns homes, cuxo fin é quitarlles ou "roubarlles" o seu veleno para realizar vacúas inmunizadoras.
O autor válese das víboras para retratar unha das debilidades humanas: as loitas internas polo poder. As serpes únense en contra do home, pero entre elas existe gran rivalidade por razóns ata de raza. Víboras e serpes enfróntanse unhas a outras por se considerar distintas (unhas son capaces de matar co seu veleno e as outras coa súa forza) e só o obxectivo común de loitar contra o home as une; pero entre elas segue a haber enfrontamentos internos, xerarquías, discriminacións, envexas..., debilidades todas elas propias do xénero humano.

En Cuentos de la selva, Quiroga amósanos a súa solidariedade cos animais, que observan como o home invade o seu hábitat e pon en perigo a súa supervivencia.

5/2/08

El devorador de hombres

Autor: Horacio Quiroga
Ilustrador: François Roca

Ambientado nas profundidades da xungla india, este emocionante relato de Horacio Quiroga conta a historia de Rajá, un tigre de Bengala moi orgulloso da súa estirpe que, tras contemplar como o seu pai e a súa nai son abatidos por un grupo de cazadores, é capturado e vendido a un circo de Calculta. Co obxecto de domar a Rajá, o capitán Kimberly sométeo a un trato cruel que espertará a rabia e o rancor da cativa fera. Tan só a nobreza e a bondade dun mozo admirable, lord Aberdale, poden conter as ansias de vinganza do torturado tigre de Bengala. Pero... conseguirá o valeroso aristócrata o seu propósito?

Ponte na pel deste extraordinario animal e sofre xunto a el o cativerio e as vexacións ás que o someten algúns humanos. Asegurámosche que este conmovedor relato e as súas marabillosas ilustracións non te deixarán indiferente.

13/1/08

Rapazas

Autor: Agustín Fernández Paz

Trátase dun libro formado por seis relatos de diferente temática e extensión, pero cun fío común que lles dá unidade: todos teñen a unha rapaza como protagonista. Nun deles, "Visitante das estrelas", unha extraterrestre chega á Terra e vese mergullada en diversos conflictos. Noutro, "Dúas rosas murchas", unha rapaza mantén unha estremecedora relación cunha pantasma. A protagonista de "Unha pedra na area" vive o seu primeiro amor ifluída pola presencia dunha estraña pedra ...

Unha vez máis, Agustín Fernández Paz trata de achegar ao lector aos problemas e vivencias desa idade fronteiriza na que comeza a adolescencia. Seguro que estes relatos te cautivarán, así que vén á Biblioteca e leva en préstamo o exemplar do que dispoñemos.

8/12/07

Cando petan na porta pola noite

Autor: Xabier P. Docampo
Ilustrador: Xosé Cobas Gómez

Este libro, Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil 1995, inclúe catro contos de maxia e fantasía titulados O espello do viaxeiro, O fornadas, A loba e O cumpremortes (ver aquí o argumento de cada unha destas historias). Nestes relatos de tema galego destacan a sorpresa, o misterio, o terror, aparecen meigas, trasnos e a vida dos protagonistas pode estar determinada pola fatalidade ou polo destino. Xabier P. Docampo actualiza as grandes correntes do relato fantástico: a tradición oral galega e a literatura de misterio e imaxinación do século XIX.

3/12/07

Cuentos para jugar

Autor: Gianni Rodari
Ilustrador: Gianni Peg

O libro está composto por vinte pequenos relatos nos que o máis importante é o xogo que se realiza cos finais de cada un deles. Unha vez formuladas as historias -que poden falar de novos frautistas que se levan os coches en vez das ratas, de cans que non saben ladrar ou de extraterrestres que collen taxis para marchar ao seu planeta- o/a lector/a ten que elixir o final que considere máis axeitado de entre tres posibles.
As cidades e os pobos italianos son o marco das diversas historias, nunha época actual, chea de xente e de nenos/as de hoxe en día, pero cuns personaxes que tanto se poden referir ao pasado como ao futuro.