Mostrando entradas con la etiqueta violencia. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta violencia. Mostrar todas las entradas

30/4/09

Rebeldes

Autor: Susan E. Hinton

Ponyboy Curtis é un mozo de 14 anos, orfo, nunha pequena cidade norteamericana. Xunto aos seus dous irmáns maiores e aos seus amigos forma parte dunha cuadrilla rueira, os "Greasers", mozos pobres que viven ao límite da legalidade.
Unha noite, Ponyboy discute co seu irmán maior e escapa da casa co seu mellor amigo, Johnny, un rapaz de 16 anos, triste e asustadizo, aínda marcado física e psicoloxicamente pola malleira que lle propinou un grupo de "Socs", cuadrilla rival dos "Greasers", os nenos ricos. Cando todo parecía que podía volver á súa canle, con Ponyboy decidido a regresar e enfrontar a situación co seu irmán, ambos amigos vense envolvidos nunha pelexa que cambiará totalmente as súas vidas e as dos que os rodean.

Esta novela está considerada como un clásico da literatura xuvenil contemporánea e xa foi adaptada ao cine por Francis Ford Coppola en 1982, permitindo a unha xeración de actores (Tom Cruise, Patrick Swayze, Diane Lane e Matt Dillon) facerse un oco en Hollywood. Narrada en primeira persoa polo seu protagonista, emprega un vocabulario con múltiples tacos, o que lle confire un maior grao de credibilidade á historia.
Vén á Biblioteca e goza da súa lectura (en galego ou en castelán). Seguro que pronto se converterá nun dos teus libros favoritos.

19/4/09

La familia de Pascual Duarte

Autor: Camilo José Cela

Pascual Duarte cóntanos a súa vida mentres espera a execución na cela dos condenados á morte. Vítima da fatalidade, é un ser primitivo dominado pola violencia. Pero esa sinistra aparencia non é máis ca máscara que oculta a súa incapacidade para loitar contra a maldade dos demais.

Editada en 1942, esta célebre novela está considerada como fundadora do xénero coñecido como tremendismo, chamado así por reflectir con toda crueza as aflixidas situacións que viven os protagonistas. Máis aló da historia en si mesma, este libro retrata á sociedade da posguerra española no campo estremeño, describindo os seus costumes e condutas, onde a violencia é un compoñente básico na vida das persoas.

13/1/08

El poder de una decisión

Autor: Arturo Padilla de Juan

Para os seus antigos amigos, Sebastián é agora un ser despreciable, un traidor, e O Gato e os seus fanlle a vida imposible. Antes, Sebastián era un deles, pero iso foi ata unha noite na que ocorreu algo que todos queren ocultar. Dende entón os seus outrora compañeiros, que son cabezas rapadas, acósano para recuperar unha cousa que os incrimina.

Este libro, cunha temática de rabiosa actualidade, é a primeira novela escrita por este autor cando só contaba 18 anos e foi a gañadora do Premio Jordi Sierra i Fabra para Jóvenes Escritores 2006.