Mostrando entradas con la etiqueta ciencia-ficción. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta ciencia-ficción. Mostrar todas las entradas

2/5/09

Viaje al centro de la Tierra

Autor: Julio Verne

O obstinado profesor Lidenbrock descifra un criptograma do alquimista Arne Saknussemm e chega á conclusión de que é posible viaxar ao centro da Terra. Polo cráter dun volcán apagado descende, xunto co seu escéptico sobriño Axel, e Hans Bjelke, un imperturbable guía. O seu esforzo e a súa coraxe son grandes como a perplexidade que senten ante abismos, mares de lava, rabaños de mastodontes ou vexetación antediluviana.

Se Julio Verne lle tivese feito caso ao seu pai e exercese como avogado, miles de lectores non poderían gozar cos seus fabulosos relatos de aventuras, viaxando en globo, mergullándose nas profundidades do océano, indo da Terra á Lúa ou penetrando no interior do noso planeta. Pero Verne tiña moi claro que el quería escribir. E esta vontade, unida aos seus grandes coñecementos científicos, á súa incrible imaxinación, á súa capacidade de premonición para ver o futuro e á súa técnica narrativa que consegue captar ao lector e introducilo no relato, fan de Julio Verne un dos autores máis lidos e populares de todas as épocas.

Vén á Biblioteca e descobre todos os títulos deste mestre da literatura universal que están á túa disposición. En particular, este que agora che propoñemos o podes atopar traducido a tres idiomas: castelán, galego e inglés.

30/4/09

Frankenstein o el moderno Prometeo

Ilustrador: Miguel Rodríguez Cerro

Un mozo e avanzado estudante de ciencias, entregado á investigación, descobre o modo de dar vida a un ser construído a partir de restos de cadáveres, pero o resultado repugna á súa conciencia e invádelle o arrepentimento. Con todo, non pode evitar seguir relacionado coa súa "creación", o monstro que converterá a súa existencia nunha traxedia.

Para algúns, esta é a primeira obra de ciencia-ficción; para outros, é unha das grandes novelas góticas. Están tamén os que ven nela un relato de riqueza filosófica, no que se abordan temas como a natureza do home, a fronteira entre a vida e a morte, e as posibilidades do coñecemento. Sen embargo, todos comparten que se trata dunha obra mestra, dun clásico que non se pode deixar de ler.

13/1/08

Rapazas

Autor: Agustín Fernández Paz

Trátase dun libro formado por seis relatos de diferente temática e extensión, pero cun fío común que lles dá unidade: todos teñen a unha rapaza como protagonista. Nun deles, "Visitante das estrelas", unha extraterrestre chega á Terra e vese mergullada en diversos conflictos. Noutro, "Dúas rosas murchas", unha rapaza mantén unha estremecedora relación cunha pantasma. A protagonista de "Unha pedra na area" vive o seu primeiro amor ifluída pola presencia dunha estraña pedra ...

Unha vez máis, Agustín Fernández Paz trata de achegar ao lector aos problemas e vivencias desa idade fronteiriza na que comeza a adolescencia. Seguro que estes relatos te cautivarán, así que vén á Biblioteca e leva en préstamo o exemplar do que dispoñemos.

4/12/07

A expedición do Pacífico

Autora: Marilar Aleixandre

Relatada en primeira persoa, a novela conta, en dez capítulos, a historia dunha expedición polo Pacífico. Entre os oito científicos que a compoñen, atópase a protagonista, Emilia, unha rapaza que, para poder participar na viaxe, se ten que disfrazar de neno. O relato, que abrangue dende 1867 -cando saen de España- ata 1871 -ano da chegada da expedición a Lisboa-, describe as aventuras dos viaxeiros dun xeito realista e verosímil. Abundan as referencias á historia e aos coñecementos relacionados coas ciencias da natureza e coa navegación. Paralelamente, asistimos a unha aventura interior: o cambio que se produce na protagonista, que inicia a viaxe con algo máis de doce anos e chega feita unha muller.

No "Epílogo" faise referencia á verdadeira expedición ao Pacífico na que se inspira a novela, que tivo lugar entre os anos 1862 e 1866.