Mostrando entradas con la etiqueta vida cotiá. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta vida cotiá. Mostrar todas las entradas

3/5/09

Trece anos de Branca

Autor: Agustín Fernández Paz
Ilustrador: Manuel Uhía

Esta entrañable e sincera recompilación de lembranzas permítenos ir coñecendo como é e como foi a vida de Branca, unha rapaza de trece anos. A súa infancia, a súa forma de vivir, os problemas dos seus pais, a escola, o primeiro amor... son escenas que se van debullando grazas ao efecto evocador dunhas fotografías que vai colocando no álbum que lle regalaron polo seu aniversario.

Obra gañadora do Premio Edebé de Literatura Xuvenil 1994.

2/5/09

Memorias dun neno labrego

Autor: Xosé Neira Vilas

"Eu son Balbino. Un rapaz de aldea. Coma quen di, un ninguén. E ademais, pobre". Así comezan os pensamentos do neno protagonista, no territorio limitado do mundo rural galego nos anos 40.
Conta neste o seu diario as súas experiencias, dende as festas tradicionais, como o Entroido ou as da parroquia, ata a vivencia dramática do loito familiar que lle impide disfrutalas. A morte tamén está presente na trampa para raposos na que cae o seu can Pachín; alí planta logo unha cerdeira. Únense deste xeito esperanza e loito, sempre á busca dun futuro non escrito.
Neste xogo de contradicións a emigración pode ser o mellor camiño, como asegura o seu pai cando marcha para América o irmán Miguel, ou unha falsa saída, como defende o padriño.
Ás veces, certamente, a única saída rebelde contra a inxustiza é a fuxida. É o que fai cando o seu pai lle pega por enfarruscar a cara ao ricachón e mimado Manolito. A malleira dóelle máis na alma que no corpo.
Un veciño xudeu faille reflexionar sobre a hipocrisía da xente, que non busca a verdade nin a xustiza, aprendendo deste home que o que realmente importa nesta vida é ser honesto e solidario.
A escola é frustrante e non abre moitos vieiros. Primeiro, o mestre andaluz non entende a terra na que está nin o entenden a el. Logo, namórase da mestra de Betanzos, converténdose nun dos mellores alumnos. Pero ela casa e cando marcha, Balbino négase a volver ao colexio. O seu pai castígao poñéndoo a servir. Parece o seu destino.

Este libro, publicado na Arxentina en 1961, é un texto clásico da literatura infantil-xuvenil galega, con traducións a todas as grandes linguas e centos de milleiros de exemplares vendidos, incuestionable testemuña literaria dunha Galicia realmente existente.

13/1/08

O diccionario de Carola

Autora: Carmen Gómez Ojea
Ilustradora: Mabel Piérola

Nila non é feliz; é unha moza de 16 anos en plena crise familiar e persoal que soña con ser escritora.
Un día merca un dicionario de latín de segunda man. Pertencera a unha tal Carola Biga, que dez anos antes de que Nila nacera escribira o seu nome e unha data. A partir deste intre, a protagonista obsesionarase por coñecer a antiga propietaria do libro, ateigado de anotacións.

Descobre as emocións descritas nesta novela, Premio Edebé de Literatura Xuvenil, traducida ao galego por Xosé Antonio Neira Cruz , e dispoñible nesta biblioteca.

12/1/08

Amar e outros verbos

Autor: Ana María Fernández
Ilustrador: Xosé Cobas

Este libro, recoñecido co Premio Lazarillo 2001, é un conxunto de vinte e cinco poemas en verso libre que teñen en común o uso dun verbo como elemento creador, o cal, ademais, serve de título aos mesmos.En clave coloquialmente metafórica, estes poemas fálannos de situacións cotiás tales como bailar, comer, enfadarse, envellecer, estrear, medrar, rir, chorar, ..., aínda que, en realidade, tratan os grandes temas da poesía (vivir, amar, morrer, ...). Son, pois, poemas con desgustos e alegrías como a propia vida que, acompañados por unha serie de fermosas e suxestivas acuarelas, nos invitan a Vivir e Soñar.

Se che apetece descubrir os sentimentos que se agachan tras de cada un deses 25 verbos, podes ler este libro na nosa Biblioteca.

8/12/07

O Nicolasiño

Autor: René Goscinny
Ilustrador: Sempé

A vida no colexio supón unha etapa importante e accidentada na historia de calquera persoa e para o pequeno Nicolás non é distinto. Alí, vai coñecer novos compañeiros cos que pasalo bomba, aínda que de contado van xurdir problemas coas notas.

Non podes deixar de ler este clásico da literatura infantil con textos de René Goscinny, o creador de Asterix e Lucky Luke, e debuxos de Sempé. A través das aventuras deste neno, o autor ofrécenos a súa visión, sempre irónica, da vida, da familia, da escola e da sociedade en xeral. Ademais, se che gusta e te atreves, temos a versión orixinal en francés.