Mostrando entradas con la etiqueta guerras. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta guerras. Mostrar todas las entradas

3/5/09

El llano en llamas

Autor: Juan Rulfo

El llano en llamas é un dos 17 contos incluídos neste libro, publicado por primeira vez en 1953, que dá nome ao mesmo. A temática dos contos vira ao redor da vida rural na época da Revolución Mexicana e da Guerra Cristera e os conceptos que van unidos a estas: a desigualdade social, a loita pola terra, a relixión e a política, entre outros. Outra das súas características importantes é o uso da linguaxe popular e a narración, na súa maior parte, na voz dos personaxes. Os contos incluídos na colección son:
  • Nos han dado la tierra
  • La cuesta de las comadres
  • Es que somos muy pobres
  • El hambre
  • En la madrugada
  • Talpa
  • Macario
  • El llano en llamas
  • Diles que no me maten
  • Luvina
  • La noche que lo dejaron solo
  • Paso del Norte
  • Acuérdate
  • No oyes ladrar los perros
  • El día del derrumbe
  • La herencia de Matilde Arcángel
  • Anacleto Morones

É un pracer ler e reler estes contos. Non hai un só relato que non garde dentro del esa prosa poética, tan cargada de dores, soidade e violencia, que conmove.

1/5/09

Las aventuras de Ulises: La historia de la Odisea

Autora: Rosemary Sutcliff
Ilustrador: Alan Lee

Finalizada a épica guerra de Troia, Ulises, un dos caudillos gregos máis afamados, emprende coa súa flota de naves negras o regreso ao seu estrañado reino de Ítaca. Na súa accidentada e longa travesía, o heroe percorre multitude de escenarios e enfróntase a numerosos perigos, que poñen a proba o seu tempero. Pero para vencer ao ciclope Polifemo ou superar os escollos de Escila e Caribdis, para se resistir ao canto embriagador das sirenas ou aniquilar a turba de pretendentes que fan as beiras á súa fiel esposa Penélope, o solitario heroe debe reunir unha serie de calidades excepcionais que fan del un verdadeiro modelo para a Humanidade: Ulises é intelixente, astuto, hábil, calculador, enxeñoso e gaioleiro, pero tamén é xeneroso, leal, sufrido, perseverante, destro artesán ou experto narrador. Só un home tan versátil pode sobrevivir aos terribles perigos dunha viaxe que constitúe unha simbólica aprendizaxe de vida.

Esta libro xuvenil narra todas as aventuras de Ulises durante o seu retorno a Ítaca e á chegada á súa casa. Non deixes de coñecer "La Odisea", clásico da literatura universal creado por Homero, a través desta adaptación, especialmente escrita para os adolescentes.

30/4/09

¡Adiós, "Cordera"!, y lo demás son cuentos

Autor: Leopoldo Alas "Clarín"
Ilustrador: Francisco Conesa

Este libro está composto por trece contos escritos por un dos máis grandes literatos españois do século XIX: Clarín. Dende a denuncia contra a civilización destrutora, o capitalismo e a guerra, que aparece en ¡Adiós, "Cordera"! -ese fermosísimo conto cheo de lirismo e tenrura-, ata a caricatura grotesca de Avecilla, debuxado con piedade, emoción e crueldade ao mesmo tempo, unha riquísima galería de personaxes e situacións percorre estas páxinas, movéndose entre a humanidade e a intencionalidade crítica. Pola súa perfección literaria, a súa densidade humana e a súa inspiración, os contos deste libro poden figurar entre os máis notables da nosa literatura.

13/1/08

El Príncipe de la Niebla

Autor: Carlos Ruiz Zafón

O novo fogar dos Carver está rodeado de misterio. Nel aínda se respira o espírito de Jacob, o fillo dos antigos propietarios, que morreu afogado. As estrañas circunstancias desa morte soamente se empezan a aclarar coa aparción do Prícipe de la Niebla, un diabólico personaxe capaz de conceder calquera desexo a unha persoa a un alto prezo.

Déixate levar polo clima inquietante e ameazante que preside este relato, primeira novela xuvenil deste aclamado escritor catalán, galardoada co Premio Edebé de Literatura Xuvenil 1992.
Se decides lela e che gusta, recomendámosche tamén as outras dúas obras que integran a denominada "Trilogía de la Niebla", tituladas "El palacio de la medianoche" e "Las luces de septiembre".

4/12/07

Garra de la guerra

Autora: Gloria Fuertes
Ilustrador: Sean Mackaoui

Este libro contén todos os poemas que Gloria Fuertes escribiu contra a guerra. Falan da guerra civil, da bomba atómica, do horror e da fame; e, por suposto, dos nenos e das nenas, que son sempre as verdadeiras vítimas de todas as guerras.

Os collages de Sean Mackaoui posúen o impacto visual dun cartel e, xunto coas palabras desta maga da poesía, debuxan o máis clamoroso grito de antiguerra.

3/12/07

Cuando Hitler robó el conejo rosa

Autora e ilustradora: Judith Kerr

Unha familia de orixe xudea fuxe da Alemaña nazi temendo pola súa vida. Atrás deixarán moitas cousas, especialmente Anna, a nena da familia, que se verá obrigada polas circunstancias a madurar de súpeto, incorporándose ao complexo mundo de preocupacións e responsabilidades dos adultos. Para a protagonista deste relato autobiográfico, aquel coelliño de peluche rosa co que xogaba e que quedou abandonado na súa casa de Berlín, simbolizará a infancia bruscamente perdida.

Aínda que a persecución de Hitler aos xudeos aconteceu hai xa moitos anos, as obras literarias baseadas neste feito histórico continúan emocionándonos hoxe en día.Lendo esta historia comprenderás o difícil que resulta esquecer o teu país cando tes que fuxir del, vagando dun lugar a outro e esperando que te acollan e che dean un traballo, padecendo miseria e soidade, temas que, por desgraza, continúan a estar de actualidade. Pero, tamén é un relato de esperanza, amor á familia e perdón.