Mostrando entradas con la etiqueta clases sociais. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta clases sociais. Mostrar todas las entradas

3/5/09

El llano en llamas

Autor: Juan Rulfo

El llano en llamas é un dos 17 contos incluídos neste libro, publicado por primeira vez en 1953, que dá nome ao mesmo. A temática dos contos vira ao redor da vida rural na época da Revolución Mexicana e da Guerra Cristera e os conceptos que van unidos a estas: a desigualdade social, a loita pola terra, a relixión e a política, entre outros. Outra das súas características importantes é o uso da linguaxe popular e a narración, na súa maior parte, na voz dos personaxes. Os contos incluídos na colección son:
  • Nos han dado la tierra
  • La cuesta de las comadres
  • Es que somos muy pobres
  • El hambre
  • En la madrugada
  • Talpa
  • Macario
  • El llano en llamas
  • Diles que no me maten
  • Luvina
  • La noche que lo dejaron solo
  • Paso del Norte
  • Acuérdate
  • No oyes ladrar los perros
  • El día del derrumbe
  • La herencia de Matilde Arcángel
  • Anacleto Morones

É un pracer ler e reler estes contos. Non hai un só relato que non garde dentro del esa prosa poética, tan cargada de dores, soidade e violencia, que conmove.

1/5/09

A miña planta de laranxa lima

Autor: José Mauro de Vasconcelos

Fermosa novela de denuncia social, na que o protagonista principal é un cativiño de cinco anos, Zezé, maltratado pola súa propia familia, fillo do paro e da mestizaxe colonial (portugués e india pinagé), listo como a fame, que vive nun barrio marxinal de Río de Xaneiro cercado de lameiras.
Zezé vive nunha favela de Bangú, nun mundo de carencias ao carón da opulencia, sabe o que non ten e non renuncia ao que desexa: quere ser sabio e poeta para saír da miseria… Ten unha planta de laranxa lima coa que comparte sorrisos e bágoas e un amigo portugués para salvalo das súas incertezas. Por ser franco e bondadoso péganlle todos arreo, agás a súa naiciña que, como está cansa de traballar, non ten forzas, e zóscalle a modiño…

Este é un deses escasos libros que se venden por milleiros e que gustan a adolescentes, pequenos e grandes, xa que o autor sabe chegar ao corazón do lector sen máis artimaña que a de facer boa literatura.

5/2/08

El perfume: Historia de un asesino

Autor: Patrick Süskind

Jean Baptiste Grenouille, nacido en París no século XVIII, é un individuo maldito, un monstro, quinto fillo dunha muller á que decapitaron, acusada do asasinato dos seus catro fillos maiores. Grenouille sálvase de puro milagre, pero o destino que lle agarda estará marcado polo crime, xa que o homicidio vai ser a súa vocación.
Tras pasar a súa infancia por diferentes orfanatos, desenvolve un extraordinario sentido do olfacto, sendo capaz de distinguir calquera efluvio, mesmo a través das paredes. Isto faille conseguir un traballo de axudante de perfumista, onde pode dar renda ao seu máximo soño: mesturar olores.
Tras varios anos recluído en soidade, descobre que carece de recendo persoal e a súa viaxe na procura da fragrancia perfecta faralle obsesionarse por conseguir materialmente a esencia dunha fermosa dama.

Quizais xa víchedes a película do mesmo título, baseada nesta novela. Se vos gustou, asegurámosvos que o libro vos encantará. Vide á biblioteca e levádeo en préstamo.

El bosque animado

Autor: Wenceslao Fernández Flórez

Polos carreiros do bosque da Fraga de Cecebre camiñan os habitantes da aldea, algunha que outra pantasma, a Santa Compaña, sátiros e ata o ladrón Fendetestas. Das súas coitas fálasenos neste libro. Coñeceremos a triste sorte dun poste de teléfono ou os amores, só tras a morte consumados, de Geraldo e Hermelinda. Compartiremos a humilde existencia de Marica, aspirante a meiga, e a de Muocha, meiga en exercicio. Sufriremos por Pilara, que se deixa a vida nunha plataforma de tren intentando cumprir as duras tarefas que a súa ama, Juanita Arruallo, lle impón e choraremos co topo que perde á súa muller por mor do cruel gusto das damas que visten peles. Descubriremos por que o vagalume escintila na noite ou por que as troitas non pican con cebos metálicos. Todos estes personaxes, e moitos máis, constitúen o diverso panorama que imos atopando entre as árbores do bosque. As súas historias entrecrúzanse unhas con outras, resultando difícil saber cando empezan e onde terminarán.