Mostrando entradas con la etiqueta crítica social. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta crítica social. Mostrar todas las entradas

1/5/09

A miña planta de laranxa lima

Autor: José Mauro de Vasconcelos

Fermosa novela de denuncia social, na que o protagonista principal é un cativiño de cinco anos, Zezé, maltratado pola súa propia familia, fillo do paro e da mestizaxe colonial (portugués e india pinagé), listo como a fame, que vive nun barrio marxinal de Río de Xaneiro cercado de lameiras.
Zezé vive nunha favela de Bangú, nun mundo de carencias ao carón da opulencia, sabe o que non ten e non renuncia ao que desexa: quere ser sabio e poeta para saír da miseria… Ten unha planta de laranxa lima coa que comparte sorrisos e bágoas e un amigo portugués para salvalo das súas incertezas. Por ser franco e bondadoso péganlle todos arreo, agás a súa naiciña que, como está cansa de traballar, non ten forzas, e zóscalle a modiño…

Este é un deses escasos libros que se venden por milleiros e que gustan a adolescentes, pequenos e grandes, xa que o autor sabe chegar ao corazón do lector sen máis artimaña que a de facer boa literatura.

30/4/09

A perla

Autor: John Steinbeck

Baseada nunha lenda mexicana, esta novela conta a historia dunha perla, grande como un ovo de gaivota, tan fermosa e perfecta como a lúa, que un día cambia dun xeito radical a vida de Kino e da súa familia. Dende entón, o propio Kino, a súa muller Juana e Coyotito, o fillo de ambos, vanse ver afectados pola posesión desta perla.

Esta pequena obra mestra, considerada hoxe en día como unha xoia da literatura universal do século XX, está contada como unha fermosa historia na que se exemplifica, ao xeito dos mitos ou traxedias clásicas, a imposibilidade de vencer o "fatum" ou destino adverso, que é máis poderoso que calquera intento titánico do home por vencelo. O relato da desventura dun humilde pescador e da súa familia por culpa da perla máis fermosa do mundo contén unha amarga crítica da cobiza e da rapacidade, sentimentos que levan á destrución.

¡Adiós, "Cordera"!, y lo demás son cuentos

Autor: Leopoldo Alas "Clarín"
Ilustrador: Francisco Conesa

Este libro está composto por trece contos escritos por un dos máis grandes literatos españois do século XIX: Clarín. Dende a denuncia contra a civilización destrutora, o capitalismo e a guerra, que aparece en ¡Adiós, "Cordera"! -ese fermosísimo conto cheo de lirismo e tenrura-, ata a caricatura grotesca de Avecilla, debuxado con piedade, emoción e crueldade ao mesmo tempo, unha riquísima galería de personaxes e situacións percorre estas páxinas, movéndose entre a humanidade e a intencionalidade crítica. Pola súa perfección literaria, a súa densidade humana e a súa inspiración, os contos deste libro poden figurar entre os máis notables da nosa literatura.

19/4/09

La familia de Pascual Duarte

Autor: Camilo José Cela

Pascual Duarte cóntanos a súa vida mentres espera a execución na cela dos condenados á morte. Vítima da fatalidade, é un ser primitivo dominado pola violencia. Pero esa sinistra aparencia non é máis ca máscara que oculta a súa incapacidade para loitar contra a maldade dos demais.

Editada en 1942, esta célebre novela está considerada como fundadora do xénero coñecido como tremendismo, chamado así por reflectir con toda crueza as aflixidas situacións que viven os protagonistas. Máis aló da historia en si mesma, este libro retrata á sociedade da posguerra española no campo estremeño, describindo os seus costumes e condutas, onde a violencia é un compoñente básico na vida das persoas.

13/1/08

Rapazas

Autor: Agustín Fernández Paz

Trátase dun libro formado por seis relatos de diferente temática e extensión, pero cun fío común que lles dá unidade: todos teñen a unha rapaza como protagonista. Nun deles, "Visitante das estrelas", unha extraterrestre chega á Terra e vese mergullada en diversos conflictos. Noutro, "Dúas rosas murchas", unha rapaza mantén unha estremecedora relación cunha pantasma. A protagonista de "Unha pedra na area" vive o seu primeiro amor ifluída pola presencia dunha estraña pedra ...

Unha vez máis, Agustín Fernández Paz trata de achegar ao lector aos problemas e vivencias desa idade fronteiriza na que comeza a adolescencia. Seguro que estes relatos te cautivarán, así que vén á Biblioteca e leva en préstamo o exemplar do que dispoñemos.

4/12/07

O vixía no centeo

Autor: J. D. Salinger

Holden Caulfield é expulsado do instituto polas súas malas notas e vagará só pola cidade de Nova York. Este adolescente narra dun xeito directo e rotundo as súas peripecias nunha viaxe sorprendente. As súas andanzas pola gran mazá, con relacións moi curiosas e con atrevementos de todas clases, permiten ao protagonista achegarse á vida adulta.

Holden Caulfield representou durante moitos anos o modelo de adolescente rebelde e resentido. Este clásico da literatura norteamericana do século XX, (publicado por primeira vez en 1951), amosa a visión que da realidade ten unha persoa que perde a confianza e o agrado das persoas que lle rodean e de toda a sociedade en xeral. Trátase dunha obra cun forte contido de crítica social, aínda vixente hoxe en día, e que agora a Biblioteca do teu centro che ofrece tanto en galego como en castelán.

¡Asústate, Merche!

Autora: Fina Casalderrey

Velaquí a historia de Auria, unha rapaza de quince anos que está a vivir os problemas da adolescencia. Como non ten irmáns, todo canto lle acontece compárteo cunha amiga imaxinaria, Merche, á que se dirixe no seu diario.
Filla de nai solteira, Auria é previda na casa arreo sobre os riscos vencellados á relación cos rapaces. É por iso polo que Auria se nega a medrar e sente medo ante a posibilidade de namorarse, experiencia que identifica cos sufrimentos padecidos pola súa nai. Esta situación empeza a cambiar cando a nai inicia unha relación amorosa co cura da parroquia. Isto coincide co comezo da amizade entre Auria e Paio, un rapaz ao que coñece durante unha viaxe de peregrinación por Europa. Con Paio, Auria descobre o amor por primeira vez e, aínda que non está segura de que este vaia durar toda a vida, loita con tódalas forzas porque así sexa.