Mostrando entradas con la etiqueta amor. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta amor. Mostrar todas las entradas

3/5/09

Trece anos de Branca

Autor: Agustín Fernández Paz
Ilustrador: Manuel Uhía

Esta entrañable e sincera recompilación de lembranzas permítenos ir coñecendo como é e como foi a vida de Branca, unha rapaza de trece anos. A súa infancia, a súa forma de vivir, os problemas dos seus pais, a escola, o primeiro amor... son escenas que se van debullando grazas ao efecto evocador dunhas fotografías que vai colocando no álbum que lle regalaron polo seu aniversario.

Obra gañadora do Premio Edebé de Literatura Xuvenil 1994.

1/5/09

O único que queda é o amor

Autor: Agustín Fernández Paz
Ilustrador: Pablo Auladell

Son dez os relatos que compoñen este libro, galardoado, entre outros, co Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil 2008.
Os personaxes teñen como nexo común recordos de amores e desamores, sentimentos íntimos que sempre perduran, momentos máxicos e inesquecibles, pero tamén amargos; amores adolescentes, secretos, imaxinados e nunca coñecidos; ou outros que perviven, como pantasmas, máis aló das súas vidas.
Cada unha das historias incluídas vén acompañada dunha emotiva ilustración, en tons escuros, alusiva á mesma, sendo os títulos destes relatos:
  • Un radiante silencio
  • Amor de agosto
  • Esta estraña lucidez
  • Unha historia de fantasmas
  • Ríos da memoria
  • Loanza da filatelia
  • Unha foto na rúa
  • Meditación ante o álbum de fotos familiar
  • Despois de tantos anos
  • Un río de palabras
Ademais, o autor, no anexo De amores e de libros, especifica os títulos das referencias ás que fai alusión.

Lendo este libro descubrirás, xunto aos seus protagonistas, que o amor é un sentimento poderosísimo, capaz de transformarte por completo e facerche ver a vida doutro xeito.

Las aventuras de Ulises: La historia de la Odisea

Autora: Rosemary Sutcliff
Ilustrador: Alan Lee

Finalizada a épica guerra de Troia, Ulises, un dos caudillos gregos máis afamados, emprende coa súa flota de naves negras o regreso ao seu estrañado reino de Ítaca. Na súa accidentada e longa travesía, o heroe percorre multitude de escenarios e enfróntase a numerosos perigos, que poñen a proba o seu tempero. Pero para vencer ao ciclope Polifemo ou superar os escollos de Escila e Caribdis, para se resistir ao canto embriagador das sirenas ou aniquilar a turba de pretendentes que fan as beiras á súa fiel esposa Penélope, o solitario heroe debe reunir unha serie de calidades excepcionais que fan del un verdadeiro modelo para a Humanidade: Ulises é intelixente, astuto, hábil, calculador, enxeñoso e gaioleiro, pero tamén é xeneroso, leal, sufrido, perseverante, destro artesán ou experto narrador. Só un home tan versátil pode sobrevivir aos terribles perigos dunha viaxe que constitúe unha simbólica aprendizaxe de vida.

Esta libro xuvenil narra todas as aventuras de Ulises durante o seu retorno a Ítaca e á chegada á súa casa. Non deixes de coñecer "La Odisea", clásico da literatura universal creado por Homero, a través desta adaptación, especialmente escrita para os adolescentes.

30/4/09

Cuentos y leyendas de la Europa medieval

Autor: Gilles Massardier
Ilustrador: Pablo Alonso

Contén once narracións, contos e lendas ambientadas na Europa medieval. Gilles Massardier rescata personaxes, situacións e mentalidades sepultadas no tempo. Así, aparece misteriosamente enlazado o real e o fantástico, o natural e o sobrenatural, trazos característicos do universo medieval. Cabaleiros e reis de lenda, dragóns e homes-lobo, fadas e demos, feitos marabillosos e fazañas portentosas, como expoñentes da riqueza cultural dun período da historia que alberga moitas das claves da nosa propia identidade.

Don Juan Tenorio

Autor: José Zorrilla
Edición: Ana Alcolea

Don Juan é un dos personaxes literarios máis xenuínos que España achegou ao universo das letras. Aínda que Zorrilla non inventou a Don Juan, elevouno á categoría de mito que hoxe ten. A súa obra recolleu toda a tradición "donxoanesca" e aderezouna con elementos relixiosos e románticos. O autor conseguiu facer dos seus personaxes un arquetipo humano, cuxas características dificilmente poden ser imitadas sen caer no plaxio. Don Juan, libertino, mullereiro e xogador, convértese en referencia dun modelo de home enfrontado á morte a ao amor, á castidade e á paixón. Todo iso, a través duns versos habilmente trazados, que están na memoria de todos. Porque, quen non coñece estas inmortais palabras?:

¡Ah! ¿No es cierto, ángel de amor,
que en esta apartada orilla
más pura la luna brilla
y se respira mejor?

28/4/09

El maleficio de la mariposa

Autor: Federico García Lorca

El maleficio de la mariposa, escrita no 1919 e orixinalmente concibida como drama para a infancia, conta a historia duns insectos: o Poeta Curianito, despreza á adiñeirada Curianita Silvia por unha bolboreta ferida. Este amor imposible faino tolear ata a súa morte. Outros simpáticos personaxes/insectos como o Alacrán e outras cascudas interveñen engadindo comicidade e dramatismo á simple historia. Como na maioría da obra dramática de Lorca, o tema do amor e da morte, prevalecen.

Prólogo: "La comedia que vais a escuchar es humilde e inquietante, comedia rota del que quiere arañar a la luna y se araña su corazón: el amor, lo mismo que pasa con las burlas y sus fracasos por la vida del hombre, pasa en esta ocasión por una escondida pradera poblada de insectos donde hacía mucho tiempo era la vida apacible y tierna".

5/2/08

El bosque animado

Autor: Wenceslao Fernández Flórez

Polos carreiros do bosque da Fraga de Cecebre camiñan os habitantes da aldea, algunha que outra pantasma, a Santa Compaña, sátiros e ata o ladrón Fendetestas. Das súas coitas fálasenos neste libro. Coñeceremos a triste sorte dun poste de teléfono ou os amores, só tras a morte consumados, de Geraldo e Hermelinda. Compartiremos a humilde existencia de Marica, aspirante a meiga, e a de Muocha, meiga en exercicio. Sufriremos por Pilara, que se deixa a vida nunha plataforma de tren intentando cumprir as duras tarefas que a súa ama, Juanita Arruallo, lle impón e choraremos co topo que perde á súa muller por mor do cruel gusto das damas que visten peles. Descubriremos por que o vagalume escintila na noite ou por que as troitas non pican con cebos metálicos. Todos estes personaxes, e moitos máis, constitúen o diverso panorama que imos atopando entre as árbores do bosque. As súas historias entrecrúzanse unhas con outras, resultando difícil saber cando empezan e onde terminarán.

13/1/08

El Príncipe de la Niebla

Autor: Carlos Ruiz Zafón

O novo fogar dos Carver está rodeado de misterio. Nel aínda se respira o espírito de Jacob, o fillo dos antigos propietarios, que morreu afogado. As estrañas circunstancias desa morte soamente se empezan a aclarar coa aparción do Prícipe de la Niebla, un diabólico personaxe capaz de conceder calquera desexo a unha persoa a un alto prezo.

Déixate levar polo clima inquietante e ameazante que preside este relato, primeira novela xuvenil deste aclamado escritor catalán, galardoada co Premio Edebé de Literatura Xuvenil 1992.
Se decides lela e che gusta, recomendámosche tamén as outras dúas obras que integran a denominada "Trilogía de la Niebla", tituladas "El palacio de la medianoche" e "Las luces de septiembre".

Rapazas

Autor: Agustín Fernández Paz

Trátase dun libro formado por seis relatos de diferente temática e extensión, pero cun fío común que lles dá unidade: todos teñen a unha rapaza como protagonista. Nun deles, "Visitante das estrelas", unha extraterrestre chega á Terra e vese mergullada en diversos conflictos. Noutro, "Dúas rosas murchas", unha rapaza mantén unha estremecedora relación cunha pantasma. A protagonista de "Unha pedra na area" vive o seu primeiro amor ifluída pola presencia dunha estraña pedra ...

Unha vez máis, Agustín Fernández Paz trata de achegar ao lector aos problemas e vivencias desa idade fronteiriza na que comeza a adolescencia. Seguro que estes relatos te cautivarán, así que vén á Biblioteca e leva en préstamo o exemplar do que dispoñemos.

O diccionario de Carola

Autora: Carmen Gómez Ojea
Ilustradora: Mabel Piérola

Nila non é feliz; é unha moza de 16 anos en plena crise familiar e persoal que soña con ser escritora.
Un día merca un dicionario de latín de segunda man. Pertencera a unha tal Carola Biga, que dez anos antes de que Nila nacera escribira o seu nome e unha data. A partir deste intre, a protagonista obsesionarase por coñecer a antiga propietaria do libro, ateigado de anotacións.

Descobre as emocións descritas nesta novela, Premio Edebé de Literatura Xuvenil, traducida ao galego por Xosé Antonio Neira Cruz , e dispoñible nesta biblioteca.

12/1/08

Anagnórise

Autora: Mª Victoria Moreno



Un rapaz problemático decide marchar a Madrid, onde o agardan uns amigos relacionados co tráfico de drogas. Dende as Rías Baixas viaxa cunha muller que non lle quere dar o seu nome.Xa en Madrid, ambos despídense. O rapaz trata de reencontrarse coa súa compañeira de viaxe e só entón coñecerá o seu nome e a razón que tiña para ocultalo.

Na Literatura, o termo anagnórise fai referencia ao momento no que ao protagonista se lle revela algunha verdade sobre si mesmo, o que provoca un cambio transcendental na dirección da trama.
Sube ao coche cos protagonistas desta novela e convéncente de que fuxir dos problemas non fai que estes desaparezan. Non tes escusa, xa que na Biblioteca contamos cun total de 45 exemplares en dúas edicións distintas.
Outras obras da autora que tamén están a túa disposición son "Guedellas de seda e liño" e "Leonardo e os fontaneiros".

4/12/07

¡Asústate, Merche!

Autora: Fina Casalderrey

Velaquí a historia de Auria, unha rapaza de quince anos que está a vivir os problemas da adolescencia. Como non ten irmáns, todo canto lle acontece compárteo cunha amiga imaxinaria, Merche, á que se dirixe no seu diario.
Filla de nai solteira, Auria é previda na casa arreo sobre os riscos vencellados á relación cos rapaces. É por iso polo que Auria se nega a medrar e sente medo ante a posibilidade de namorarse, experiencia que identifica cos sufrimentos padecidos pola súa nai. Esta situación empeza a cambiar cando a nai inicia unha relación amorosa co cura da parroquia. Isto coincide co comezo da amizade entre Auria e Paio, un rapaz ao que coñece durante unha viaxe de peregrinación por Europa. Con Paio, Auria descobre o amor por primeira vez e, aínda que non está segura de que este vaia durar toda a vida, loita con tódalas forzas porque así sexa.