Mostrando entradas con la etiqueta novela histórica. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta novela histórica. Mostrar todas las entradas

3/5/09

La espada y la rosa

Autor: Antonio Martínez Menchén

Certa noite de inverno chega ao mosteiro en ruínas, onde viven o mozo Moisés e o irmán Martín, un peregrino enfermo e extraviado, quen realmente é un cabaleiro cruzado que viviu en Oriente extraordinarias aventuras. Unha vez curado, Moisés acompañarao na súa peregrinación a Compostela. Non chegarán a se prostrar ante Santiago, pero Moisés alcanzará nesa viaxe algo no que xamais soñou.

Unha novela de aventuras medievais na que o autor, baseándose en textos literarios da época, traza un cadro moi completo da Baixa Idade Media, coa súa poesía e a súa miseria, a súa brutalidade e a súa profunda piedade.

29/4/09

Primavera con una esquina rota

Autor: Mario Benedetti

Esta obra é un testemuño directo e dorido que trata dun país escindido, fracturado pola represión e o autoritarismo, o Uruguai baixo a ditadura e o Uruguai do exilio, que constitúen un só e lacerado país. Máis aló dos acontecementos políticos, a novela céntrase na profunda conmoción que estes provocan nas relacións humanas dos individuos que os sofren.

Como no resto da súa obra, Mario Benedetti, un dos escritores máis lidos e admirados das letras hispánicas, combina aquí tenrura, denuncia, paixón, amor e Historia, para transmitir ao lector unha mensaxe de esperanza: a primavera, aínda que mutilada, revelará por fin un inverno que se anunciaba inacabable.

13/1/08

La catedral

Autor: César Mallorquí

Telmo Yánez, fillo dun mestre construtor de catedrais, parte sendo aínda un rapaz dende Navarra cara a Bretaña para participar na edificación da catedral de Kerloc'h, que é financiada pola Orden del Águila de San Juan de los Siete Sellos (aquilanos). Na súa viaxe é escoltado por tres templarios (Eric, Gunnar e Loki) que queren descubrir aos autores dos roubos realizados aos cruzados en Acre. A sospeita confírmase: o malvado Simón de Valaquia está á fronte dos aquilanos.
Telmo asiste á conclusión das obras, elíxeno escultor da talla principal do altar e convértese nun home de acción para destruír, xunto con Oric, a catedral de Kerloc'h, un lugar dedicado a Lucifer. Alí quérese convocar á Besta, ao Diaño, mediante o eco dunha inmensa campá e o sacrificio dunha moza virxe, Valentina.

Esta obra está moi ben escrita, dosifica perfectamente a intriga e presenta unha narración e uns diálogos áxiles, polo que seguro que manterá vivo o teu interese do principio ao final.

3/12/07

Cuando Hitler robó el conejo rosa

Autora e ilustradora: Judith Kerr

Unha familia de orixe xudea fuxe da Alemaña nazi temendo pola súa vida. Atrás deixarán moitas cousas, especialmente Anna, a nena da familia, que se verá obrigada polas circunstancias a madurar de súpeto, incorporándose ao complexo mundo de preocupacións e responsabilidades dos adultos. Para a protagonista deste relato autobiográfico, aquel coelliño de peluche rosa co que xogaba e que quedou abandonado na súa casa de Berlín, simbolizará a infancia bruscamente perdida.

Aínda que a persecución de Hitler aos xudeos aconteceu hai xa moitos anos, as obras literarias baseadas neste feito histórico continúan emocionándonos hoxe en día.Lendo esta historia comprenderás o difícil que resulta esquecer o teu país cando tes que fuxir del, vagando dun lugar a outro e esperando que te acollan e che dean un traballo, padecendo miseria e soidade, temas que, por desgraza, continúan a estar de actualidade. Pero, tamén é un relato de esperanza, amor á familia e perdón.