Mostrando entradas con la etiqueta humor. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta humor. Mostrar todas las entradas

3/5/09

Cuentos completos

Autor: Oscar Wilde

Nesta obra preséntase toda a narrativa breve de Wilde, dende os seus primeiros contos como El Príncipe Feliz ou El ruiseñor y la rosa, que aparecen como lendas con sabor tradicional e nos que a estética xoga un papel social, ata o famoso El fantasma de Canterville, onde xorde a vea satírica e humorística do autor.

30/4/09

Fas e Nefas

Autor: Eduardo Blanco Amor
Ilustrador: Xan López Domínguez

Este libro é unha reedición de catro textos da etapa arxentina de Blanco Amor publicados no seu momento no volume Teatro pra a xente.
Fas e Nefas ou Fantasía escolar pra nenos dun colexio luxoso... desenvolve nun castelo medieval a aventura dun rescate no que o heroe, Fas, é un rapaciño servo. Enfróntase ás forzas do mal axudado polo Pantasmo, que resulta ser Galahaz, porque alí ninguén é o que parece, nin sequera as curuxas, faisáns enfeitizados que non queren ser desenmeigadas para non ir á pota.
As outras pezas son:
  • A medosa Blandina: é un diálogo entre un mozo e unha moza de volta dunha romaría, na que ela xoga coas palabras insinuantes e pícaras.
  • A lebre das ánimas: desenvolve o desexo envexoso dun labrego por ter a comida máis farturenta entre os seus iguais na festa da aldea. Para iso vai á caza de dúas lebres, das que unha escapa (a ofrecida ás Ánimas se tiña éxito)
  • A tía Lambida: a señora Castora está sempre abrumada polas peticións dos seus veciños, quen a coñecen por "sete alcumes" (cando unha veciña a chama interesadamente polo nome non merece o seu favor). Ata que, farta de tanto abuso, se mete co cura cando a chama polo alcume.

11/2/08

El misterio de la cripta embrujada

Autor: Eduardo Mendoza

Esta novela do divertidísimo escritor catalán está ambientada na Barcelona dos anos 70 e trata sobre a investigación da desaparición dunha alumna do colexio das Madres Lazaristas de San Gervasio. A investigación é levada a cabo por parte dun tolo, que deixa o manicomio a cambio de realizala, vivindo unha infinidade de aventuras e desventuras.

É unha novela de suspense, de detectives, na que o autor mantén o misterio ao longo de todo o relato, sen deixar ao carón o humor, parodiando a sociedade actual (neste caso a Barcelona de hai 30 ou 40 anos), tal e como é propio del. Ademais, o seu desenlace é totalmente inesperado, polo que seguro que vos enganchará.

5/2/08

El bosque animado

Autor: Wenceslao Fernández Flórez

Polos carreiros do bosque da Fraga de Cecebre camiñan os habitantes da aldea, algunha que outra pantasma, a Santa Compaña, sátiros e ata o ladrón Fendetestas. Das súas coitas fálasenos neste libro. Coñeceremos a triste sorte dun poste de teléfono ou os amores, só tras a morte consumados, de Geraldo e Hermelinda. Compartiremos a humilde existencia de Marica, aspirante a meiga, e a de Muocha, meiga en exercicio. Sufriremos por Pilara, que se deixa a vida nunha plataforma de tren intentando cumprir as duras tarefas que a súa ama, Juanita Arruallo, lle impón e choraremos co topo que perde á súa muller por mor do cruel gusto das damas que visten peles. Descubriremos por que o vagalume escintila na noite ou por que as troitas non pican con cebos metálicos. Todos estes personaxes, e moitos máis, constitúen o diverso panorama que imos atopando entre as árbores do bosque. As súas historias entrecrúzanse unhas con outras, resultando difícil saber cando empezan e onde terminarán.

8/12/07

O Nicolasiño

Autor: René Goscinny
Ilustrador: Sempé

A vida no colexio supón unha etapa importante e accidentada na historia de calquera persoa e para o pequeno Nicolás non é distinto. Alí, vai coñecer novos compañeiros cos que pasalo bomba, aínda que de contado van xurdir problemas coas notas.

Non podes deixar de ler este clásico da literatura infantil con textos de René Goscinny, o creador de Asterix e Lucky Luke, e debuxos de Sempé. A través das aventuras deste neno, o autor ofrécenos a súa visión, sempre irónica, da vida, da familia, da escola e da sociedade en xeral. Ademais, se che gusta e te atreves, temos a versión orixinal en francés.

3/12/07

Cuentos para jugar

Autor: Gianni Rodari
Ilustrador: Gianni Peg

O libro está composto por vinte pequenos relatos nos que o máis importante é o xogo que se realiza cos finais de cada un deles. Unha vez formuladas as historias -que poden falar de novos frautistas que se levan os coches en vez das ratas, de cans que non saben ladrar ou de extraterrestres que collen taxis para marchar ao seu planeta- o/a lector/a ten que elixir o final que considere máis axeitado de entre tres posibles.
As cidades e os pobos italianos son o marco das diversas historias, nunha época actual, chea de xente e de nenos/as de hoxe en día, pero cuns personaxes que tanto se poden referir ao pasado como ao futuro.

18/11/07

Matilda

Autor: Roald Dahl
Ilustrador: Quentin Blake

Matilda é xenial. Sen cumprir os 5 anos xa leu moito e ten asombrosos coñecementos. Os seus mediocres pais, sen embargo, considérana unha inútil. Por iso decide desquitarse. E cando comeza a ir á escola, enfróntase á terrible señora Trunchbull. Daquela, fai algo marabilloso. ¿Vaste perder isto?

Goza desta estupenda obra do extraordinario Roald Dahl e descubre o resto de títulos deste autor que podes atopar na nosa biblio.

Manolito Catrollos

Autora: Elvira Lindo
Ilustrador: Emilio Urberuaga

Os maiores líanse coas cousas e ¡lían aos pequenos! Menos mal que está Manolito. Con el, todo queda perfectamente claro. E, ademais, cóntanos as cousas de cada día como se fosen aventuras estupendas. Segue as súas historias e as dos seus amigos (Orellóns, López, Susana, o Imbécil...) e pásao bomba.


Manolito ten moitas aventuras que contarte e nós podemos ofrecerchas tanto en galego como en castelán.